Xuñ
30
2008
--

NOT SO KINKY

O sábado celebrou-se en Compostela, como no resto do mundo, o dia do orgullo gai. Entre as actividades organizadas [.pdf, 445 KB] polo concello estaban unha série de concertos e entre eles un ao que asistín, o da Kinky Beat (é un myspace, aviso). A Kinki é un grupo que se formou hai uns anos en Barcelona, e que facia unha música fresca, que xa non adoita escoitar un por aí. Bos músicos e boas músicas. Acadaron certa sona no mundo musical alternativo cun disco que, persoalmente, penso que é moi bo, Made in Barna. O que non entendo é por que un grupo que aparece tocando e cantando cousas movidas e interesantes vira, dous discos máis tarde nun grupo de reagge que non ten nada que ver co que era, tocando nun concerto únicamente as cancións do seu último disco e que cando, nos bises, se decidiron a tocar catro das cancións do citado Made in Barna, ainda din que parece que vamos a tener que tocar canciones de esas, y eso que no queriamos. Non entendo por que un grupo máis ou menos novo renega así das suas (recentes) orixes. E non entendo que un grupo con ese pasado (recente) toque agora cancións dignas de King África que levan a un grupo de turistas alemáns a bailar a conga na Quintana (caso á parte foi a cantante dicindo á unha da mañá que tiñan que parar, que os curas tiñan que estar flipando). Pois iso, xa non son kinkis, non son o grupo que fun ver.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Xuñ
11
2008
--

MARIA E AVELINA

Hai máis dun ano, alá por maio de 2007 Maria Lado recebia de mans do Tenente-Alcalde, José Antonio Maceira, o prémio de poesia Avelina Valladares, organizado polo Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa. Nesa edición o premio eran 1500 € en metálico e a publicación do poemário, neste caso pola editorial silledense Edicións Fervenza. A través do Porto dos Escravos enterei-me onte de que, como tamén anuncia Maria Lado na súa Casatlántica, a obra premiada, Nove, está a piques de chegar ás librarias. Eu non son editor nin nada polo estilo mais, non é un prazo excesivo para a publicación dun libro? Máis dun ano! Agardemos que Berta Dávila Fernández, a gañadora deste ano, non teña que agardar tanto.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Xuñ
08
2008
--

LE PUNK

Como na rapa de hai dous anos quedei con ganas de ver a Le Punk, onte aproveitei e fun ver a este grupo madrileño. Gostei do que vin, o que confirma aos organizadores dos concertos da rapa das bestas como bos oidos. Estaban de teloneiros de Candy Caramelo, un baixista de renome dentro do Pop-Rock estatal a quen xa vira con Ariel Rot (na Estrada) e Adolfo Cabrales (en Vigo). Paseino pipa no concerto, dúas horas máis bises acompañado dun tal Andrés, e xira coa sua lengua popular que ainda non escoitei. E disco do que o Calamaro só se dignou a tocar e cantar catro cancións para desgusto de algúns e alegria de moitos que puidemos desfrutar de boa parte da história do rock en español, ou polo menos en arxentino (como di o próprio). Por certo, que o iluminado (como podedes ver aprezar na foto)
desfixo-se en palabras de elóxio á Galiza e a Pontevedra de onde (como bo arxentino que se preze) era a súa abuela. Por certo, Candy é o segundo pola dereita.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Mai
22
2008
--

REBARBADORA

Por veces, a cousa máis simple fai-che ver (neste caso a min) que hai xente moi equivocada (os tangallegos eses) e que hai xente que ten máis razón da que se lle dá. Neste caso unha simple palabra. Tras a triste nova da morte dun mozo en Vilagarcia da Arousa en accidente laboral lin, en todas as edicións en español dos xornais nos que estaba a nova, que o suceso sucedera cunha rebarbadora. Non sei cal é o coñecemento que teñen os xornalistas no que a máquina ferramenta se refire, mais están errados. Todos. Non hai rebarbadoras en español. Ou si. Como préstamo do galego/portugués. Mais a palabra española para referir-se á máquina en cuestión é amoladora. Nin na Voz, nin no Faro, nin en Galiciae, nin no Correo, nin nos diários da Arousa e demais do grupo (este último lazo auto-destruirá-se nunha semana) deben sabe-lo. E iso é porque hai cousas ás que a xente non é quen de chamar-lles por outro nome que non sexa o galego. E iso é porque o idioma galego está tan metido na nosa cultura, que nin os Galiciabilingüistas máis radicais poden evitar as palabras e expresións galegas. Mais seguro que se leran esto dirian algo como

“en castellano está permitido decir rebarbadora”

Ao que eu responderia:

“en español está permitido dicir o que queiras. Nin rebarbadora nin amoladora aparecen no dicionário da RAE (creo, porque non dou entrado na páxina) como o 90% das palabras técnicas utilizadas a dia de hoxe. Mais rebarbadora é unha palabra galega/portuguesa. Amoladora é unha palabra española. E refiren-se ao mesmo aparato”

Subscrición

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Mai
07
2008
2

MANU‽‽‽‽‽

O outro dia, a través do chuza! descubro que o señor Manu Chao, eventual visitante das noites estradenses, vai andar por Galiza dando uns concertiños de pre-xira mundial con Radio Bemba Sound System. Segundo a información da nova, en Monforte, os dias 16 e 17 de maio. Decidido a asistir andiven na busca de algo máis de información de lugar e venda de entradas, cando atopei outras datas e lugares no foro da páxina de Manu Chao: Monforte, 16 e 17; Ourense, 21; A coruña, 23 e… tachán! A Estrada o sábado 24 de maio. Oh! pensei. E onde será? Pois internet on ten tanta información como parece. Non se sabe nada, ninguén sabe nada (ou din non saber nada). E na Estrada tampouco se sabe nada. Os medios escritos xa se fixeron eco nas súas edicións dixitais, mais non se sabe nada. Ese mutismo dá-me no nariz que algo quer dicer. Se alguén sabe algo e non lle importa dici-lo, agradece-se.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Abr
25
2008
--

MEMÓRIA

Hai que facer memória do ocorrido. Poño-o con retraso, mais ainda hai tempo. Mañá sábado 26, ás 18:30 no Teatro Principal da Estrada proxecta-se o documental Dignidade e Loita , da Plataforma Antifascista, dentro do ciclo de documentais sobre a memória histórica que organizou a Asociación Cultural Ken Keirades. Anteriormente proxectaron os documentais O Novo Emden, história dun pesqueiro galego que marchou para a América, e A Derradeira Lección do Mestre, realizado polo estradense Xoan Carlos Garrido.

E seguindo con esta asociación, mais noutro eido, leo na Voz que organizan para o Dia das Letras un concurso de microrrelatos, coa intención de utilizar partes dos mesmos para facer un grafitti, pintada ou mural nun valo da vila. Os traballos, de 1000 caracteres como máximo hai que entrega-los na Biblioteca Municipal até o 5 de maio. Hai prémio.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Abr
03
2008
2

PAIMUSICA

O outro dia atopei via chuza! (como non) un video do Youtube da nova canción de Lamatumbá (Camiños). Estaba posteado no blog de Sempreengaliza, e levei unha sorpresa cando lin os comentários. Polo visto alguén facendo-se pasar por PAI-música, editores do vídeo, denunciaron en Youtube que lles copiaran o vídeo mentres lle pedian ao autor do blog que tivese “algo menos de vergüenza”. Estranou-me que en Youtube tivesen uns dereitos sobre os vídeos moi restrinxidos, xa que se ven en webs de todo o mundo, e tamén vídeos calcados de distinto usuário. Así que fixen algo que quizais deberan ter feito eles antes de denunciar: ler. Neste caso os termos de uso de Youtube. E polo visto, segundo eses termos de uso, cando subes un vídeo a Youtube concedes (e agora copio e pego)

1. a favor de YouTube… [non nos interesa agora]
2. a favor de cada usuario del Sitio Web, una licencia mundial, no exclusiva y exenta de royalties para acceder a sus Archivos de Usuario a través del Sitio Web, y para utilizar, reproducir, distribuir, realizar trabajos derivados de, mostrar y ejecutar dichos Archivos de Usuario en la medida de lo permitido por la funcionalidad del Sitio Web y con arreglo a los presentes Términos y Condiciones

Total, que puxen un comentário no video de Camiños Cruzados da conta de Youtube de PAI-música e outro no blog, para que vexan que non pasa nada por que outro usuário utilice o video. E total, que xa non está o comentário no Youtube. Foi borrado [Edito: ainda que penso que quedaria mellor unha resposta ao comentário, xustificaron o borrado da mensaxe].
E o seguinte queda para alguén facendo-se pasar por PAI-música
Parece que hai xente que non quere que se saiba que meten o zoco nin pedir desculpas. Así que protesto aquí. A ver se me borran o post. Non sei quen son esta xente, mais por se aparecen por aquí pido-lles, sinceramente, algo menos de vergüenza.

Edito:

Ao final conseguin-me poñer en contacto cos de paimúsica, que me comentan o seguinte:

No tenemos ni idea de lo que nos estás comentando, ya que nunca hemos denunciado a nadie por el uso de nuestros vídeos y mucho menos conocemos el blog

Así que aí arriba onde poñia PAI-música pasa a poñer alguén facendo-se pasar por PAI-música. E de paso agradezo-lles a resposta.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Xan
04
2008
5

NORMALIZAZÓN

Dise polos corredores como segredo a voces que certo normalizador lingüístico do Concello da Estrada ten un choio asegurado na Secretaria Xeral de Política Lingüística, que depende directamente do Presidente da Xunta. O feito non teria maior trascendencia se este funcionário municipal non estivese entre os “golfiños” de Campos e non tivese como “hobbie” durante os anos de mandado de Chito a asisténcia a todos os actos de partido como imaxe de “xuventude” do mesmo. E tampouco teria maior trascendencia se este persoeiro da cultura local fixera algo pola normalizazón da língua no concello nos anos que leva traballando aí, a maiores de ser secretário en prémios literários, xurado en oposicións de resultado cantado ou xogar partidos de mestres contra políticos. Total, que como siga así a cousa (non é o primeiro caso de estradenses sen valia demostrada chupando da Xunta) a imaxe da Estrada no goberno nacional vai deixar bastante que desexar.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Dec
12
2007
--

POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN V

Veño de enterarme por chuza! de que no xulgado da Estrada veñen de desestimar a denúncia presentada pola família dun alcalde franquista de Cerdedo contra o historiador Dionísio Pereira, pola publicación dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo. Ainda que non se me ocorrera nunca facer un post a conta do tema, aledo-me de que así fose, e quixera dar o apoio do chimpín a todas aquelas persoas que buscan rematar coas inxustizas e sacar á luz as cousas ocorridas hai xa anos, pero que seguen a estar agochadas por algunha xente.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Nov
18
2007
--

INFERNO ROCK

Esta fin de semana celebrouse na Estrada o Inferno Rock, unha série de concertos de grupos punteiros de ámbito estatal e galego organizados por un emresario local, responsable da empresa Inferno Produccións. Persoalmente teño que dar a noraboa a esta xente, xa que son dos poucos que se adican a mover un pouco o panorama cultural da comarca (organizan tamén o Verea Rock e o Silleda Rock) a pesar de non contar con demasiadas axudas. De feito, son os mesmos que levan a grupos noveis (e non tanto) moitos venres no pub “O Inferno”. E ainda que non son amante deses estilos musicais quito o sombreiro ante eles.
O que non acabo de entender é a dificultade que poñen certas administracións e colectivos á hora de celebrar estes concertos. O ano pasado xa tivemos polémica cando trouxeron a Silleda ao grupo Soziedad Alcoholica. Este grupo é moi controvertido xa que foi acusado (e absolto pola Audiencia Nacional) dun delicto de enaltecemento do terrorismo. Daquela remataron tocando igual.
Desta volta, e dado que o grupo xa foi absolto, non se podian facer manifestacións nin declaracións en contra do grupo as reticencias viraron cara outo lado. Leo hoxe no xornal que

O venres pola tarde xurdiron algúns problemas que ameazaron con provocar a suspensión do festival. Segundo os organizadores, apareceron axentes da Garda Civil e algún representante municipal. Reclamouse todo tipo de autorizacións, seguros, licenzas, medidas de seguridade e requisitos como os relacionados coa capacidade da sala.

E como ao final non deberon atopar resquicios legais, a polos controis de tráfico. Parar a todo aquel con “malas pintas” (pelo longo e camiseta negra) e rexistrar-lle o coche, bolsos, cachea-los ou pasar ao can (moi bonito o can, por certo) por arredor del. O típico, vamos. Como pasa todos os anos na Rapa.
Do que creo que non se decatan é de que (se era un control de drogas, claro) na Estrada é por todo o mundo coñecido que o das drogas está á orde do dia (ou da noite), e non se ven este tipos de actuacións de xeito aleatório. Non, só cando veñen os Jipis e os Kinkis a un concerto de ruido.
Non son formas.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes