Nov
18
2007
--

INFERNO ROCK

Esta fin de semana celebrouse na Estrada o Inferno Rock, unha série de concertos de grupos punteiros de ámbito estatal e galego organizados por un emresario local, responsable da empresa Inferno Produccións. Persoalmente teño que dar a noraboa a esta xente, xa que son dos poucos que se adican a mover un pouco o panorama cultural da comarca (organizan tamén o Verea Rock e o Silleda Rock) a pesar de non contar con demasiadas axudas. De feito, son os mesmos que levan a grupos noveis (e non tanto) moitos venres no pub “O Inferno”. E ainda que non son amante deses estilos musicais quito o sombreiro ante eles.
O que non acabo de entender é a dificultade que poñen certas administracións e colectivos á hora de celebrar estes concertos. O ano pasado xa tivemos polémica cando trouxeron a Silleda ao grupo Soziedad Alcoholica. Este grupo é moi controvertido xa que foi acusado (e absolto pola Audiencia Nacional) dun delicto de enaltecemento do terrorismo. Daquela remataron tocando igual.
Desta volta, e dado que o grupo xa foi absolto, non se podian facer manifestacións nin declaracións en contra do grupo as reticencias viraron cara outo lado. Leo hoxe no xornal que

O venres pola tarde xurdiron algúns problemas que ameazaron con provocar a suspensión do festival. Segundo os organizadores, apareceron axentes da Garda Civil e algún representante municipal. Reclamouse todo tipo de autorizacións, seguros, licenzas, medidas de seguridade e requisitos como os relacionados coa capacidade da sala.

E como ao final non deberon atopar resquicios legais, a polos controis de tráfico. Parar a todo aquel con “malas pintas” (pelo longo e camiseta negra) e rexistrar-lle o coche, bolsos, cachea-los ou pasar ao can (moi bonito o can, por certo) por arredor del. O típico, vamos. Como pasa todos os anos na Rapa.
Do que creo que non se decatan é de que (se era un control de drogas, claro) na Estrada é por todo o mundo coñecido que o das drogas está á orde do dia (ou da noite), e non se ven este tipos de actuacións de xeito aleatório. Non, só cando veñen os Jipis e os Kinkis a un concerto de ruido.
Non son formas.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Xul
13
2007
--

MÚSICA NO VERÁN

Chega o verán e chegan as festas. Por estes lares temos unha serie de eventos que xa son imprescindibles nas axendas d@s máis e os non tan festeiros. Pasou xa o de Sabucedo, onde estiveron os estupendos GalegoZ dando conta da súa Revolution Dance e os impresionantes madrileños de Alameda do Soulna cun moi traballado reagge-ska e unha mellor posta en escea que fixo as delícias do público.
O testemuño tócalle collelo, o dez de agosto (atención ao cambio de data), ao festival Músicas da Terra de Ouzande. Presenta unha noite de música ao estilo habitual, cos locais Retrouso, as cantareiras de Faltriqueira e os gañadores morais do Apolohit 2006, a Banda Potemkin.
– Edito 17/07/07: tamén estará o grupo compostelán Lúa de Fouce –
Pola súa parte no festival As Nosas Músicas de Couso, o 14 de agosto, contaremos (se non me engano) coa presenza dos xa coñecidos Festicultores, Sérra-lhe aí (que estiveron en Ouzande o ano pasado) e, de novo, coa Banda Potemkin.
Do festival Pe na Estrada, que tivemos a oportunidade de desfrutar o ano pasado na Praia Fluvial do río Liñares non sabemos nada, igual ten que ver co cambio de goberno.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Xuñ
27
2007
1

EN FESTAS 2007

Chega hoxe o remate para as festas da Estrada, cun balanzo positivo en comparación aos últimos anos. O certo é que, aínda que sempre se poden poñer pegas, desta volta non o vou facer. Creo que a comparativa deste ano cos precedentes, e sobre todo co ano pasado, deixa un balanzo positivo para a comisión actual. E como polo visto repiten para o ano próximo, imos darlles a posibilidade de melloralas sen críticas. Que non se poden pedir marabillas cando se parte de cero, xa bastante fixeron.
Do que vimos só vou falar do concerto do arxentino Coti Sorokin, que foi ao que asistín. Quen queira información dos outros deixo lazos a Pablokani cos Suaves, e á Voz co do Arrebato. De Rosa nada, que para o que cantou… E un detalle para a comisión, este si mo vou permitir: Escenarios descubertos en Galiza… son un risco innecesario.
Coti entrou no escenario pasadas as doce e cuarto da noite, ante unha praza case chea, e comezou con toda unha declaración de intencións, dandolle forte ás guitarras, cunha canción do seu novo disco, continuando cunha movida “Antes que ver el sol”, para despois saudar e continuar coa presentación dos “Gatos e Palomas” mesturando cancións de “Esta mañana y otros cuentos. Demostrou tamén que sabía onde estaba, cando despois de cantar “El inmigrante”, que adicou á emigración de ida e volta galego-arxentina, fixo un fragmento da “Miña terra galega” de Siniestro Total. E continuou coas referencias á emigración con “Buenos Aires”, a quinta provincia galega nas súas propias palabras. Tivo tempo tamén para lembrar un par de clásicos como son “Me vuelvo loco” de Tequila e unha versión rocanroleira da “Princesa” de Sabina. O punto humorístico caeu cando, para presentar a canción “Pequeña historia de un funcionario corrupto”, dixo que en todos os sitios había funcionarios corruptos e parte do público asinteu efusivamente, coas conseguintes risas dos que estaban enriba do escenario.
Para rematar, un par de bises con temas dos máis coñecidos, saúdo e fin.
Edito: se o propio Coti pon “minha terra galega” con ene agá no seu blog, eu non vou ser menos.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Mar
12
2007
--

BONOVO

Non imos falar de monos, senón de Bonovo, un bo novo grupo musical que está a agromar. Compóñeno catro pesos pesados da música galega, como son Pulpiño Viascon (Demacrados, Zorza el Griego, Escupe Escapa ou os Irmáns Bochechinhas, Os Verjalludos, Os Diplomáticos de Monte Alto, O Jarbanzo Negro) á batería elétrica e serrón acústico, Óscar Fernández (Os cempés, colaborador do disco de Linho do Cuco) coa zanfona midi, Roberto Grandal (Sérralhe-aí, Xosé Manuel Budiño) co acordeón midi e a máquina, que tamén deu moito de si. O que fan é unha sorte de folque electrónico a medio camiño entre a muiñeira e o chunda chunda. Unha mestura fresca de moita calidade e que pode dar moito de si. Como eles mesmos dixeron e repite Xurxo Souto a diário, Cousa Bonita!

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Feb
27
2007
6

KEN KEIRADES

Ven de apresentarse na Estrada unha nova asociación cultural (A.C. Ken Keirades) con ideas novas e gana de traballar. A apresentación tivo lugar este sábado no Pub Tubos cun concerto no que estiveron Sullivan Show, Esquíos e 33 RPM. Ainda que a afluencia de público estivo por debaixo do posible, ao chimpín a experiéncia parécelle positiva, e semente para cousas similares. Agora a asociación anda cos trámites legais e á busca dun local social onde facer máis actividades, como mesas redondas, recitais e exposicións. Desde aquí o chimpín dálle todo o seu apoio a este grupo e ánimos para que sigan adiante.
Por certo, comentarlle aos PPiños que se preguntan se esta asociación será competencia para mistura que neste mundo hai outras palabras que comezan por C como cooperación ou colaboración. Dicirlles tamén que segundo os correspondentes do chimpín un dos obxectivos de mistura é o fomento do asociacionismo, polo que igual incluso están contentos de que haxa unha nova iniciativa para cubrir eidos dos que a aadministración local pasa olímpicamente. E comentarlles que incluso sabemos de persoas de mistura que lles están botando unha man.
A ver se poño unha afoto un dia destes.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Out
28
2006
4

DISKORDIA


Non vou falar das relacións internas dos partidos políticos estradenses, senón dun grupo de música que non é a primeira vez que aparece neste blogue.
Pois resulta que hai un local na Estrada (o Soho) que tivo a excelente idea de facer un concurso para grupos noveis. Por causa da idade (é que xa vai indo alá a xuventude) non vou poder asistir a todos os concertos, mais sí puiden pasarme por este. E o resultado foi do meu agrado. A pesares da falla de médios (son, luces) o grupo soaba ben. Os rapaces dominan os instrumentos mellor que moitos que se ven por aí, e o que é mellor, non se adican a oubear nin a distorsionar as guitarras. A pena é que das letras non me enterei moito por causa do son.

Dúas guitarras, baixo, teclados, batería e voz. Adiante con esa Diskordia.
Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Set
06
2006
2

KINKI FESTA

Así clasificaría eu o sucedido na praia fluvial de liñares este sábado. E organizaba o concello, que incluso asisteu o concellal do ramo (o de xuventude, que supoño que iso non estará considerado como cultura). Pois miles de persoas (2 miles segundo a organización; 0,8 miles segundo as contas do chimpín) asistiron á primeira edición do festival PÉ NA ESTRADA, que tivo mellores actuacións que as festas. Non en van estaban os semi-locais Matraca Perversa e Festicultores (estupendos con esa cabra balcánica) e os ilocalizábeis Che Sudaka, apresentando o seu disco Alerta Bihotza. Para a Banda Potemkin xa non quedei, que o frio… despois non hai quen acenda. Como o ano que ven traian á Kinky Beat vai ser a repanocha. Por certo, que tampouco hai que perderse o festival de Ouzande o dia 22.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Xul
01
2006
1

DE RAPA (2)

De volta estamos. Os concertos de onte ben, só que non estaban (ou non vin) os tal LePunk. Estiveron os do Linho do Cuco (ben como case sempre), os do Tear de Llerena (ben tamén, cunha música novedosa e un compoñente fan de Davide Salvado) e uns tal Viñalar Fantastic Band quen, como o nome indica eran unha banda en todo o sentido da palabra. Con músicos daquí e dalá versionaron temas de Pucho Boedo, The Clash ou clásicos como o ¡Ay Carmela!

Hoxe no monte mal, a néboa non deixou traballar e baixaron cos cabalos contra as sete da tarde, meténdoos directamente no curro.

E aquí vai un video da rapa do ano pasado. Calidade pouca, pero como idea do que é ben vale.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,
Xuñ
28
2006
1

EN FESTAS

Finaron as grandes festas da Estrada. E non gostei delas. E iso que tiveron as grandes actuacións de… de… si! de Chocolate ¿¿¿???? de Ráfaga ¿¿¿¿¿¿¿????????? e de… de… Nada que non me lembro. O único positivo que obtivemos foron as actuacións dos estradenses Diskordia, o venres e Linho do Cuco e os Red Hot Chili Frikis o sábado, nun peculiar concerto de folque e rock. Salientable tamén a esperada Feira tradicional galega con… 5 postos!!! Non sei que pensarán os avós que tradicionalmente ían ás feiras por Galiza adiante. E xa, non hai máis, aos lumes non fun, e é que para a xente que traballa fóra… Pois tivemos un dia de festa. Menos mal que tivemos as mellores actuaións.

Subscrición
Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: ,

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes