Xuñ
27
2009
--

FALARÁ-SE DESTAS FESTAS DURANTE ANOS

Num dos especiais que publicam com motivo das festas da Estrada os jornais com ediçom local, o presidente da comissom de festas expresava-se neses termos ao falar da grande qualidade das celebraçons deste ano. Poi bem, final-mente semelha que há que dar-lhe a razom. Falará-se destas festas durante anos, ainda que o motivo seja a desorganizaçom que levou á cancelaçom de duas das atraçons principais (o concerto de Mago de Öz e os de The Bond Scott Band, Pants Off, Mutand Squad, Esquíos e Kambotes) assim como doutras animaçons de rua e o famoso bono para as atracçons de feira.
Nom é a minha intençom fazer lenha da árbore caida, mas já tinha pensado fazer umha entrada para falar de cousas das que nom gostei em quanto ás festas deste ano.
A primeira, nom me pareze normal que todos os concertos das festas sejam de pago. Nim com bonos desconto nim caralhadas. Numhas festas supostamente populares (de povo, nom de PP) tem de haver atracçons de balde para o público. Vale que pode haver algumha de pago, mas nom a práctica totalidade. A maiores, semelha que o problema nasceu aquí. Polo visto, e polos comentários do presidente nos devanditos especiais, a comissom de festas deveu estar assessorada pola SGAE á hora da contrataçom dos concertos, e enchia a boca falando da quantidade de gente que lhe disserom os assessores que ia vir. O principal era o de La Oreja de Van Gogh, com o que aguardavam reunir miles de persoas e fazer boa caixa. Resultado: 1.500 espectadores e a maioria em regime de semi-gratuidade, ja que accederom com o famoso bono. Total, que nom fisserom caixa como aguardavam. Lembro (é que nom tenho diante os jornais) que falavam de 4.000 persoas no concerto de Mago de Öz.
O único gratuito foi o que juntou aos grupos de base estradense Pé de Boi, Regato de Matamulleres e Linho do Cuco com Susana Seivane. Aí bem, qualidade da casa e de nível internacional. O que já nom me pareze normal é que os representantes da comissom nom assinasem os contratos com os grupos até meia hora antes do começo dos concertos. Esse foi o primeiro sinal de que algo nom ia bem. Ainda que muita gente nom tivese conhezimento, os concertos estiverom a piques de ser cancelados por parte dos grupos, que estiverom horas tentando localizar ao presidente da comissom. Saeu adiante, mas por pouco. E haverá que ver se os grupos recebem os quartos que lhes adevedam, que visto o visto…
Por outra banda, tampouco me parece normal que se faça o petitório popular a posteriori. Isso tem um grande problema. Nom há quartos, nim se pode saber os quartos que vai haver para pagar as atracçons contratadas. Podem fazer-se estimaçons, sim, mas ha que ter em conta que a gente dá o que quer, e que este ano, percissa-mente, as famílias nom andam sobradas de quartos. E demonstra-se agora, que se nom tens avais… Toca suspender espectáculos.
Dos bonos para as atraçons de feira, nom vou falar muito. A idea é excelente, mas acho que fica claro que nom é doada de aplicar. E a forma da que se aplicou aos feirantes… achega-se á extorsom. Ou aceitas as condiçons abusivas que che imponho, ou nom che dou sítio.
Por último dizer que já está bem. O Concelho da Estrada deve ser dos únicos do seu tamanho de toda a Galiza que se desentende completamente da organizaçom das festas, mais alá de dar 30.000 € á comissom. Devera asumir dumha vez por todas a organizaçom das festas. E a ver se nos deixamos de comissons e caralhadas. Que vai passar com a gente que mercou os bonos? Vam-se-lhes voltar os quartos? Quem se vai fazer responsável de nom pagar estes rapazes o que devem? Agora seica asumem o control das deste ano. E pergunto eu, nom o puderom fazer desde o princípio? Para que temos funcionários no concelho que supostamente se adicam a organizar eventos deste tipo?

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Mai
07
2009
--

LÁCTEOS

Como anda a cousa no sector lácteo galego case que nom precisa de comentário ou explicaçom.
O que me surprendeu hoje sobre o tema foi ver que as sucursais de Caixanova na Estrada pecham esta sexta feira durante umha hora em apoio do sector lácteo. Nom sei se Caixanova tem inversons em empresas do leite, dessas que nom recolhem porque seica nom vendem, já que nom topei informaçom ao respéito na web. Se nom é assim, é um gêsto loável. Se têm inversons nessas empresas é umha hipocrisia como um mundo.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Abr
20
2009
2

LAGARTO LAGARTO

Onte tivem a oportunidade de fotografar um par de lagartos arnais tomando o sol. E semelhavam estar posando a modo de modelos. Nom sei mui bem que espécie exacta é, ja que os atopei como Lacerta viridis, Lacerta schreiberi e Lacerta lepida. Abrindo cada foto vêm-se muito melhor os detalhes.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Feb
13
2009
1

PATXI, POLÍGONOS E LIÑARES

Como persoa, nunca me pareceu apropriado a ubicación da Cidade do Moble á beira do rio Liñares habendo lugares no concello máis adecuados para iso. Como internauta así o fixen ver deixando comentários en máis dunha páxina web (como no extinto Ruxe-ruxe). Agora, tempo despois, parece que Adega e os veciños da zona algo de razón tiñan. O proxecto tan estupendo e necesário para o futuro da Estrada, que tiña que estar aí e non noutro lugar (recalificación: esa palabra da que gostan tantos), ese proxecto tan respectuoso co rio que até ian facer un paseo peonal pola beira, ese proxecto, O proxecto ten que cambiar. E ten que cambiar porque, segundo o conselleiro de Médio Ambiente, Pachi Vázquez, as condicións actuais do proxecto impeden elaborar un informe medioambiental positivo. Sobre todo no tocante á zona de inundación do rio (moi boa parte desa zona) e a un ragato afluente do liñares que pasa por alí (e que xa está medio entubado, por certo). Non era todo ouro. E, de momento, o Pachi este conseguiu sacar as cores (se tivesen algo de vergoña, claro) a todos os grupos da corporación, que se emperraron en facelo así si ou si, sen ter en consideración ningunha das voces críticas.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas:
Xan
20
2009
--

Santiago – A Estrada: 2 meses da AG-59

!– @page { size: 21cm 29.7cm; margin: 2cm } P { margin-bottom: 0.21cm } A:link { color: #0000ff } –>

Poida que un dos principais motivos que levaron á construción da nova autovía da Estrada, haxa que agradecerllo a Armando Blanco e o seu goberno do concello de Teo, quen favoreceron un crecemento urbanístico desmesurado, á par que ilegal e especulativo.

Pese a isto, hoxe xa é realidade a existencia dun pequeno tramo de estrada que nos permite evitar a comarcal 541 ao seu paso pola Ramallosa e por Cacheiras, Aínda que logo nos atopemos cos atascos da rotonda de Ourense e da saída 67 da AP-9.

Foto: Arturo Maneiro

Porén, dous meses despois da súa inauguración, esperada desde finais de 2007, seguen sen estar sinalizados os accesos desde a capital galega. Só hai que ir polo periférico de Compostela ou tentar entrar desde a autoestrada, para ver que segue sen estar indicada.

Será que os millóns que se investiron non chegaron para iso, nin para poñer tiles ou palabras en galego nos sinais, que si que entraron no orzamento.

Parabéns!

Gharlopinha

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Dec
29
2008
--

50 ANOS DE ELECTRICIDADE

Por casualidade lendo a web do Faro atopei unha sección de novas antigas, tipo efemérides de hai cincuenta ou cen anos. E unha das desta semana era esta:


Hai cincuenta anos que algunhas parróquias do concello contan con elecrticidade. Igual hai a quen lle parece unha barbaridade de tempo, mais a min non tanto. E é unha mostra máis do atraso no que vivimos moitos galegos. Se a electricidade chegou hai cincuenta anos, o teléfono chegou hai quince (as liñas TRAC, que ainda non o hai de cabo en moitos sítios) e a internet… ainda está por chegar. É a história da nosa vida, tarde mal e arrastro.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Nov
09
2008
3

WE WANT CHANGE

Hai 11 meses, en Xaneiro, un tal Barack Obama pronunciou un discurso tras perder nas primárias de New Hampshire ante a daquela candidata oficial do pertido demócrata Hillary Clinton. Ese discurso (aquí traducido por Cesare) foi o comezo da vitória de Obama nas eleccións a presidente do mundo mundial. E ese discurso levou aos EUA duas expresións que hoxe, unha vez Obama xa non é un tal Barack Obama, quedan para a história dese pais. Unha delas saiu do próprio Obama, o Yes We Can (si, podemos ou xa é fin de semana, segundo quen traduza), que quedou como lema da campaña, e que deu lugar a un estupendo video musical de Will I Am. A outra foi coreada polo público durante o discurso e foi a que, ao meu entender, resume o por que da vitória de Obama nas pasadas eleccións nos EUA: We want change (Queremos o cámbio).
O we want change pasa moitas veces nas eleccións por todo o mundo. O povo ás veces cansa dalgúns gobernos e pon unha esperanza de cámbio en alguén que, dalgún xeito,ten o carisma suficiente (se é que iso existe) para canalizar o seu descontento e transforma-lo nalgo positivo, nun algo que eleva a confianza da xente nas persoas e, tamén, na política.
Iso pasou na Estrada. Logo de quince anos de mandado da dereita un goberno de esquerdas chegou ao concello. Moita xente (eu entre eles) depositou unha esperanza de cámbio nese goberno de esquerdas, unha esperanza de que ia mellorar a vida das persoas do concello en detalles que podan parecer irrelevantes mais que son os que se notan no dia a dia.
O malo de depositar a confianza e a esperanza en alguén é que pode quitar-cha. No meu caso, o actual goberno estradense así o fixo. Eu queria o cámbio, mais non o vexo por ningures. Ningunha das áreas do goberno da Estrada cambiou. Non cambiou a política cultural, temos a mesma falla de actividades de hai dous anos, nin unha soa iniciativa, cousa que xa dixen hai seis meses, por certo. Non cambiou a política urbanística, continuamos sen ter un PXOM que ia estar aprobado nun ano e non hai indícios de que se vaia aprobar no próximo, así como tampouco hai indícios de que se vaia tentar cambiar o concepto do urbanismo que tiña o PP. En política ambiental a cousa vai a peor, coa teima de facer un parque empresarial á beira dun rio a pesar de saber que non é bo.
Poderia seguir nomeando cousas que non se fixeron, mais nin teño os programas dos partidos á man nin tempo para numerar tal cantidade de cousas. Simplemente nomeo como logro máis ou menos acadado o plan de participacoón cidadá e a creación das xuntas parroquiais. Polo resto, nada.
E agora, de novo, we want change.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Ago
31
2008
--

VERÁN, VERÁN, ALÁ FOI

Habia xa tempo que non pasaba por aquí. É o que ten o verán. Mais quedaron algunhas cousas pendentes que queria postear. Un par de festas ás que fun, unha alá a comezos da época calurosa e outra similar de onte, cando remata o tema e a xente retoma o ritmo de vida habitual.
Alá polo mes de Xullo, os dias 11 e 12, celebrou-se o festival Músicas de Raiz en Callobre, organizado pola sociación Regatos. Neses dous dias pasaron polo campo de fútbol da parróquia os grupos Pé de boi, Linho do cuco (noraboa polo terceiro posto no trofeo Cidrerie des Terroirs de Lorient), Alvariza, Retrouso, Regato de Matamulleres, Briganthya, Sete netos e Serra-lhe aí. Un plantel importante para unha cita que se afianza ano a ano (menos o pasado, por cuestións climatolóxicas, claro. Os que menos me gustaron foron, quizais, os bascos Briganthya, dos que agardaba outra cousa e que máis que bascos parecian irlandeses. Nada de música de raiz (ademais ian de estrelas, ainda que despois subiu ao escenário Serra-lhe aí e non puideron máis que quedar coa boca aberta).


E onte, 30 de Agosto pasei-me polo Festival Música na Noite que se celebrou en Solláns e que comeza unha nova andaina logo de anos de auséncia da man do Concello de Teo e a asociación Lua Chea. Neste caso puiden desfrutar de Pablo Seoane e Grupo, (boa música tradicional, movidos) os históricos A Quenlla e os non menos históricos Berrogüetto (non me acaba de convencer o novo cantante, será que ainda estou afeito a Guadi). Tamén estiveron os de Zënzar, mais a noite estaba algo desapacible (habia algo de humedá) e non quedei. Por certo, moi bos os bolos preñados.


Pois iso, que moi ben e moi divertido todo.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , , ,
Xul
07
2008
--

DE RAPA 2008

Un ano máis, houbo rapa en Sabucedo. E quero comezar esta mini-crónica felicitando encarecidamente ao responsábel da organización de Sons da Rapa, a parte musical/alternativa (por excluir ás orquestras do sábado dalgún modo) da festa. Ainda que o ano pasado só lle adiquei unha pequena reseña nunha entrada, teño que dicir que a elección dos grupos nas últimas edicións merece unha nota moi alta. Este ano puidemos ver á Tuna Rastafari (ollo, é un myspace), rancheiristas movidiños, aos que non puiden ver máis que tres cancións porque cheguei tarde, mais que me deixaron bo sabor de oido. Para quen queira ve-los e escoita-los están o venres no Cultura Quente de Caldas.
A Tuna Rastafari cedeu-lle o testemuño aos madrileños No Reply, un estupendo grupo de swing-fusión (non sei etiquetalos doutro xeito) que animou e fixo bailar á xente, máis á medida que pasaba o tempo e ian quecendo músicos e público. Uns músicos espectaculares.


E o remate musical da noite. Xunten vostedes a Xil Ríos, Juan Pardo, Os Diplomáticos de Montealto da primeira época e a unha orquetra mala que só toque cúmbias (como a primeira do sábado), mestúren-o ben e tiren todo o malo que poda haber no resultado. Máis ou menos, debera ter vostede ao Sonoro Maxín (outro myspace, aviso). Un grupo post-Lamatumbá e que colle un camiño algo diferente, con musica moi movida e que fixo bailar aos asistentes até o final da festa. Gostei deles, e dos outros. Unha boa noite, en resumo.

E aqueles que aguantaron ben a noite e se levantaron para ir ao primeiro curro do ano atoparon-se co grande fallo da organización da Rapa deste ano. Resulta que por primeira vez houbo venda anticipada de entradas, 500 en total. E resulta que cando puxeron as entradas á venda no curro esqueceron-se de que, se o curro ten 1500 prazas, só debian vender 1000. E venderon 1500 que sumadas ás 500 da venda anticipada fan un total de 2000 persoas onde en teoria collen 1500. O problema poderia ter-se solucionado dalgunha forma, mais ninguén fixo nada. Iso provocou un problema de seguridade con moita máis xente subida nas gradas desmontábeis para a que están preparadas. Non pasou nada, mais puido ter ocorrido algo grave. Hai que poñer un pouco máis de atención.

Das orquestras do sábado non vou falar. Logo de tres horas escoitando cúmbias, bachata e merengue o meu cerebro debeu borrar toda a información relativa á percepción sensorial desa noite. E se non o fixo, debera.
Sei que as fotos son ruins, mais é o que hai.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas: , ,
Xul
02
2008
--

DE ALCALDES E VICE-ALCALDESAS

Últimamente puidemos asistir a un rifi-rafe político-persoal entre a Vice-alcaldesa, Raquel López e os alcaldes de barrio das distintas parróquias da Estrada, a conta da criación das xuntas parroquiais e a suposta oposición dos pedáneos a estas entidades porque, polo visto, lles queitan atribucións. Dentro das páxinas da prensa local a cousa foi máis ou menos como segue:

A cuestión, como a entendo eu, é que Raquel convocou aos pedáneos a unha reunión informativa á que acudiron e, unha vez alí tiveron que escoitar como, a pesar de estar elexidos democráticamente polos veciños, lles chamaban un resquicio do franquismo”, desautorizaron o seu papel e insinuaron que os nomeamientos foran manipulados polo PSOE, ou poñia de manifesto que a metade deles non ten estudos (esta señora é asistenta social, ollo), afirmacións ante as que algún dos asistentes se sentiu ofendido (eu estaria) e marchou da reunión.
Non sei se Raquel López sabe que parte deses pedáneos son persoas afíns ao BNG, ou que moita xente non afín a PP ou PSOE votou por persoas que, a pesar de saber que son afíns a algún deses partidos, facian ben o seu traballo.
Tampouco sei se Raquel López sabe que a śua elección foi igual de democrática que a dos pedáneos, e que tamén representa a unha institución herdeira do franquismo como é o concello (que se rexe polas leis democráticas aprobadas logo da constitución tardo-franquista que hai no estado español).
Non sei se Raquel López sabe que hai parróquias nas que a xunta parroquial funciona desde hai moitos anos en perfecta consonáncia co pedáneo correspondente.
E non sei se Raquel López sabe que non pode falar de caciquismos e despois andar por aí da man de xente como Pereiras ou Marisé, perdendo absolutamente TODA a credibilidade que poderia ter ao falar do tema. Non entendo, nadiña, como a xente do Bloque pode andar da man destes elementos. Se mo din hai un ano non creria nada. Mais hai xa tempo que a cúpula estradense do Bloque perdeu o norte. Unha pena, porque considero que hai xente moi válida aí dentro.

Written by chimpin in: Geral | Etiquetas:

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes